Crítica literária de Xosé M. Eyré, Membro da Asociación Galega da Crítica, ao livro «FORA DI NOS»

Crítica de FORA DI NOS, de Helena Neves Abrahamssom

AGOSTO 2, 2022 ~ XMEYRE

Título: Fora di nos

Autora: Helena Neves Abrahamssom

Editorial: Nimba Edições

Apreciación inicial: este é un libro da máis actual poesía guineana, e non de tan difícil acceso como pode parecer. Odio as librarías virtuais multinacionais, mais en casos como este poden ser útiles, téñeno en Amazon, en papel a 12 euros, e versión Kindle por 2,69. Aínda así, moito ollo con Amazon, déronse casos de vender libros fotocopiados como novos.

Apreciación imprescindíbel para lector+s galeg@s: a dimensión semántica en que hai que ler “nos” non se corresponde co noso plural inclusivo “nós”. Ten máis que ver cun singular (“eu”) incluínte que se identifica como parte dunha comunidade. De feito, isto resulta fundamental á hora de ler o poemario.

E non me veñan con iso de “que nos pode interesar a nós a poesía guineana?” Estupideces así nin resposta merecen, a beleza é beleza e non distingue parámetros xeográficos. E non me veñan con iso de “que nos pode achegar esta poesía guineana a nós, europeos occidentais e desenvolvidos?” Porque entón non me queda outra que dicirlles: a poesía decolonial sempre debe interesarnos, como colonia que somos de España (iso, se non se decataron, resulta indiscutíbel). Mais non só por iso, sigan lendo.

Non se trata dun poemario longo, 63 páxinas. Mais si é un poemario de contido humanístico e denunciador moi trascendente. Incialmente direilles que sempre desconfiei desa poesía que presenta o texto como obxecto na páxina en branco e para iso bota man de aliñamento centralizado, un recurso fácil ao que pouco valor dou. Mais neste caso teño que dicir que tal aliñamento constitúe, sen excepcións, un aliado imprescindíbel do ritmo expositivo, e o ritmo expositivo disponse en función dun contido temático que non deixa indiferente a ninguén que teña corazón e sinta o seu bater no peito, que non deixa indiferente a ninguén con principios éticos e humanísticos activos. Pobre xente a que quede inmune á súa lectura.

O libro preséntase editorialmente distribuído en catro partes, sendo que na cuarta a poeta remata por escribir no crioulo (kriol) os poemas finais. Iso indica cara  a un proceso de identificación en progreso durante o poemario. E é certo, pois así ten lugar. O primeiro dos corenta poemas é unha sentida declaración de amor á Terra, reencontro e amor pola Terra nativa. Logo disto, a apreciación da realidade en que viven as xentes guineanas provoca un doloroso conflito interno entre a esperanza e o desespero, que non é cousa dun poema senón que habitará en case todos os restantes. Aquí hai que sinalar unha cousa, mentres o proceso interior de identificación coa Terra é progresivo, a realidade é a que é a dunhas xentes no límite da pobreza, é unha realidade de “famintos” e “pedintes”, onde o presente é tan degradado como o pasado e, aínda peor, o futuro (véxase a identificación na liña temporaria), unha sociedade en ruínas na que a xente ten medo (moito medo) de contrariar as regras vixentes.

Helena Neves Abrahamssom

Esta loita ente a esperanza (do que debía ser) e o desepero (do que é) leva a poeta, xa na segunda parte, a tomar conciencia de que os alicerces da súa alma atópanse no miolo desa sociedade descrita. Mais tamén a sentirse “senhora de mim”, empoderamento desde o cal continuar a lectura duns poemas que explicitan o desgarro interior (“As cruzes da alma /escondem / o teatro da vida”), lágrimas que caen para dentro do corazón mentres contempla as xentes ( “Despidos de tudo / Cobertos / Apenas / Com as transparências / da humanidade em fuga). A identificación coas xentes da Guiné, coas xentes da súa  Terra, é tal que (lección para moit@s galeg@s) que anuncia que non se trata dunha “visita emocionada” senón dunha toma de identidade plena (“Hei de voltar sempre / Não para ficar / Mas para não morrer”), consciente e parte “Da construção constante / De quem somos”). Unha ousadía que ten un pezo a pagar, si, doloroso, mais sen a cal se perde a personalidade; así pois, se ese é o prezo por ser quen somos, aínda que conleve dolor, moita dolor, é parte de nós. O resto do poemario é unha confirmación do antes expresado.

Volvemos ao título. Pois ese “fora di nos” resultará tamén o que acabará estando dentro. O eu poético contráese en vista da situación humana que describe e denuncia. O eu poético tamén se expande nesa mesma medida. Sístole e diástole humanitarista e denunciadora dun corazón do que se sente o seu bater no peito, no peito da ética humana que se eleva por riba do silencio en que se nos quere confinados.

Nada que non estea sucedendo nesta Galiza que adormece en tanto os ríos lle foron vendidos a foráneos, a forza do vento lle foi vendida a foráneos, os recursos naturais están tamén á venda, a tecnoloxía naval foi vendida a foráneos etc etc etc…ben vostedes saben.

Advertencia final: se len este libro non sairán incólumes del

Atrévanse, se aínda non están mortos.

ASDO.: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

Esta obra está disponível na livraria on-line da Nimba Edições – http://www.enimba.com

NAG – Nimba Art Gallery   | nimbartgallery.com | facebook.com/nag.nimba.7 | Instagram: nimbanag

Publicado por Nimba Art Gallery

A Nimba tem como missão promover as obras de artistas plásticos, escultores e escritores nos mercados internacional e nacional. Por outro lado, proceder a representação de artistas plásticos consagrados. A Nimba continua na missão de estabelecer uma colaboração duradoura com cada artista, escultor e escritor, criando condições para que os mesmos se sintam enquadrados neste projeto empresarial. A Nimba privilegia cultura de trabalho, fomenta a inovação e criatividade. Os artistas plásticos, escultores e escritores que integram a rede Nimba partilham uma visão de trabalho, rigor, foco e determinação.

%d bloggers gostam disto: